Mañá é o día das letras galegas e como tal fago un parón para amosarvos a vida da persoa á que está adicada este ano.
Manuel Lugrís Freire naceu en Sada en 1863, seu pai tiña un almacén de sal no porto, pero perdeuno por problemas administrativos, polo que axiña chegaron as dificultades económicas. Así, ao rematar os estudos primarios, veuse obrigado a estudar para escribán no concello de Oleiros, ata onde ía andando dende a súa casa en Soñeiro. É daquela cando escribe "Nociones generales de mitología". Pronto emigrou a Cuba onde sería elixido membro da xunta directiva do Centro Galego fundando o primeiro xornal americano redixido totalmente en galego: A gaita gallega (1885-1889). Alí publicou o seu primeiro poemario (Soidades, 1894), prologado por Curros Enríquez, e escribiu a súa primeira obra dramática: A costureira da aldea. Voltou á Galiza en 1896 acompañado da cubana de ascendencia española Concepción Orta Iglesias, instalouse na Coruña e continuou o seu labor literario, mentres que seguía empregándose como contábel. Ingresou na Sociedad Anónima Aguas de La Coruña, da que foi socio accionista e primeiro empregado. Relacionouse cos rexionalistas coruñeses, tomando parte en todas as actividades galeguistas do momento, como a Cova Céltica, xunto con Murguía, Pondal e outros. En 1897 entrou na directiva da Liga Gallega da Cruña, presidida por Salvador Golpe, como secretario.
En 1898 naceu a súa filla Socorro e morreu a súa muller, o que lle causou unha forte depresión. En 1901 publicou Noitebras, libro de poemas na que mestura pesimismo persoal e composicións de intención social e mítica. Ao ano seguinte casou con Purificación González Varela, irmá do pintor e escritor rexionalista Urbano González, coa que tería cinco fillos.
Foi o primeiro en utilizar nun mitin a lingua galega e figurou entre os patrocinadores da Escola Rexional de Declamación (1903), da que sería presidente. Desde este momento, a maior preocupación de Lugrís foi a de fornecer de textos á nova entidade, todos eles cunha forte carga reivindicativa e rompedores co costumismo imperante.
Bvg.udc.es
Wikipedia

Escribe un comentario